Burgo das Nacións Aula Verde Biblioteca Deportes Informática Sociocultura
Informática | Burgo das Nacións: Como acceder á rede social Cabozo desde a USC

23 de feb. de 2012

Como acceder á rede social Cabozo desde a USC

Tes un perfil no Cabozo? Síguenos! http://cabozo.com/user/burgodasnacions

Cabozo é unha rede social, como pode ser o Facebook ou o Tuenti, mais cunha peculiaridade única: É feita por galegos e en galego. Con todo, desde as redes sen fíos da USC hai un problema que fai que, ás veces, non estea accesíbel. Para resolvelo, desde o blogue do Cabozo ofrécennos a solución.

O problema está en que o servidor de DNS da USC non sabe resolver o nome de Cabozo.com, é dicir, non sabe cal é a súa dirección IP correspondente.

O tema funciona da seguinte maneira:

PC Usuari@: Moi boas, podería por favor facilitarme a dirección (IP) da web Cabozo.com

PC USC: Moi boas, si un momentiño que busco na miña axenda a súa dirección (IP)… vaia, semella que na axenda non teño anotada a dirección para Cabozo.com. Síntocho moito.

PC Usuari@: Vaia ho!, tiña que comentarlle unha cousiña a Deckarz…

PC USC: Vaia, se queres pódoche dar sen problema a do Facebook.com ou a de Twitter.com :P

Como PC USC non sabe cal é a dirección de Cabozo cando se lle pregunta por ela, ímoslle dicir nós ao noso computador que dirección ten Cabozo e así non lle fará falta preguntarlle o PC USC.

Para iso imos editar o arquivo “hosts” que é unha axenda parecida á do PC USC onde se atopan os nomes de dominio e direccións IP. Dependendo do sistema operativo que esteas a utilizar, esta é a súa localización:

Windows 95/98/Me —> C:\Windows\hosts

Windows NT/2000 —> C:\WINNT\System32\drivers\etc\hosts

Windows XP/2003/Vista/7 —> C:\Windows\System32\drivers\etc\hosts

Mac OS/iPhone OS —> /private/etc/hosts

Unix/Linux/BSD —> /etc/hosts

Abrimos o ficheiro cun editor de texto (no Windows co Caderno de notas) e debaixo de todo engadimos a seguinte liña:

174.122.126.101 www.cabozo.com cabozo.com

Gardamos e reiniciamos o PC.

Unha vez arrancado de novo o noso PC, poñemos no navegador www.cabozo.com e a páxina estará accesible sen ningún problema.

Fonte | http://cabozo.com/wordpress/?p=1510