Burgo das Nacións Aula Verde Biblioteca Deportes Informática Sociocultura
Informática | Burgo das Nacións: Webserie: O Gran Compadre

4 de feb. de 2013

Webserie: O Gran Compadre


Título: O Gran Compadre
Lingua: Galego
Episodios: 2+
Duración: ~30 min
Web: http://www.grancompadre.eu/

Habitamos un País raro. Non só na forma, senón tamén no fondo. Un País no que as galiñas son azuis e os caciques bos. Un país do que marchan máis dos que veñen, no que morren máis dos que nacen e no que lle damos a gardar os cartos a quen nolos rouba.

Pero a arte corre polas veas do País. Non só a choiva é arte. Tamén o son todos os mananciais que discorren baixo a Terra que pisamos pero que non vemos. Iso tamén é arte. Tamén a política o é. E neste recuncho do mundo os políticos son artistas e os artistas – ou artistiñas – ás veces temos que facer de políticos.

Así xorde O Gran Compadre, un espazo no que enfundamos o traxe de políticos. E hai moitos traxes, tantos como galegos, galegas e novos chegados. Porque a política non se fai só no Parlamento, que tamén. Faise, e sobre todo, na rúa, e é entón cando a política se torna arte.

E para a mocidade, o traxe que se leva é moi importante. E se non, que lle pregunten a Alberto, que enfunda o chándal daquel indignado inspirado polo 15M e cun currículo laboral que só contempla unhas prácticas cunha beca Leonardo en Italia; ou a Lorena, esa recén chegada a Compostela a estudar e iluminada por todas as palabras que rematan en ismo; a Moncho, aquel pequeno burgués rural que traballa arreo para pagarse vicios e afeccións; a Marta, unha inmigrante española convertida hoxe en brava independentista galega que bucea entre centos de siglas de organizacións políticas revolucionarias; a Brais, mozo cunha vida online máis interesante que offline e co récord de aportacións á galipedia, a wikipedia en galego; ou como non a Silvana, filla de novos ricos que combate a loita de clases co seu lema “Make money, have fun and don’t care!”.

Isto é O Gran Compadre, seis concursantes que competirán por converterse no Director ou Directora Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Pode semellar un premio inalcanzable. Todo se andará.

Detrás do Gran Compadre non hai ningunha organización política ou sindical. Ningunha empresa e ningún tipo de asociación cultural ou xuvenil. Non hai nada. Só estamos nós. Só estades vós.