Burgo das Nacións Aula Verde Biblioteca Deportes Informática Sociocultura
Informática | Burgo das Nacións: A CRTVG manda pechar Xeración Xabarín, web de fans do Xabarín Club

6 de mar. de 2013

A CRTVG manda pechar Xeración Xabarín, web de fans do Xabarín Club

Así é como se despedían, vía Twitter, os creadores do web Xeración Xabarín.

Hai 7 anos comezou a andaina. Ante o sistemático desleixo da CRTVG polo Xabarín Club, deciden facer un web de fans para fans, onde estea reunido todo o material referente ao clube. Ao longo do tempo o proxecto foi medrando, engadindo a información sobre como facerse socio do clube, desenvolvendo unha aplicación HTML para crear unha réplica do primeiro modelo de xabacarné, ofrecendo os videoclips de A Cantar con Xabarín, as cancións das series... En resumo, a web de referencia que a CRTVG nunca fixo. E non só ficaron aí, senón que fixeron tamén unha conta do Twitter onde daban conta das novas relacionadas co clube, cousa que tampouco lle acordara nunca facer á CRTVG.

Cal era o delito? Pois ningún. Os vídeos que mostraba o web estaban aloxados no Youtube ou no Vimeo, servizos que contan con mecanismos propios para garantir o bo uso dos dereitos de copia. É dicir, no caso de estar en desacordo, é a eses servizos aos que cómpre reclamar. Descargas ilegais? Non, o web non contiña ligazóns a servidores de descarga directa nin P2P. Suplantación de identidade? Non, o web tiña un aviso a pé de páxina, grande e visíbel, onde deixaba claro o seu carácter de web de admiradores sen relación algunha coa CRTVG. Entón... que é o que alegaron os Servizos Xurídicos da CRTVG? Pois que o Xabarín é deles e non querían que se fixese uso del. E claro, razón levan, o porco perténcelles, e as imaxes e nomes están rexistrados por eles. Só quedou facer unha cousa... pechar.

As reaccións na web foron moitas. O chío de despedida, así como unha morea de mensaxes de ánimo, ateigaron o Twitter. Moitos medios informaron da nova (Chuza!, Valminor.info, Praza Pública, Galicia Confidencial, Crónica3, Código Cero...), e mesmo se escribiron artigos de opinión. Todo isto nas primeiras 24 horas desde o anuncio do peche.

Para aquelas persoas que non coñecían o sitio, aínda se pode consultar na caché do Google. Aproveitade para un último momento de nostalxia antes de que se perda no tempo como lágrimas na chuvia.

Só nos queda dicir... até sempre, Xeración Xabarín!